top of page

 PROXECTO "PLANETA DEIRO"  

Dende o curso 2014-2015 o CEIP Viñagrande-Deiro iniciou un proceso de transformación na busca dun modelo de centro educativo, que sexa quen de dar resposta ás actuais demandas da sociedade e ás características das xeracións máis novas. As sociedades evolucionan rapidamente mentres que os centros educativos amósanse moi remisos a acompañar de preto esta transformación. Semellan estar ancorados no século XX no referido ás súas estruturas organizativas, didácticas e metodolóxicas sen atender a moitos factores que interveñen directamente nos procesos de ensino e aprendizaxe do alumnado.

Consideramos prioritario poñer en funcionamento novas estruturas organizativas, modelos pedagóxicos e propostas didácticas nas nosas aulas e no noso centro que ofrezan a posibilidade de mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe.

Partindo desta premisa, de novos modelos pedagóxicos e propostas didácticas, naceu este proxecto “Planeta Deiro”, coa finalidade de amosar ás novas xeracións os perigos do comportamento do ser humano sobre o noso planeta. Dada a velocidade coa que estamos desfacendo o noso planeta, é necesario máis que nunca que o alumnado coñeza e sexa capaz de desenvolver un conxunto de medidas en favor do medio ambiente no planeta terra e no noso “Planeta Deiro” que representa a contorna onde vive e se relaciona socialmente o alumnado do centro. A necesidade dun ensino significativo lévanos a centrar este proxecto nesta contorna (parroquia, concello, colexio e nos fogares do noso alumnado).

Que podemos facer?

Antes da elaboración dun produto final pasamos por diferentes contidos relacionados coa educación medio ambiental e que tratamos.  Planeta Deiro Todas as actividades que se propoñen neste proxecto teñen un para que en si mesmas, unhas veces é gozar ao realizalas e outras veces e a saída que teñen ata o exterior a través dos medios de comunicación: radio, prensa, televisión, internet, redes sociais,... etc.

Á vez que lle dan sentido e funcionalidade ás actividades, fan que medre o interese e a motivación. O tipo de saída que teñan as actividades determinará a planificación, a responsabilidade do alumnado e a utilización dos recursos.

A primeira parada fai referencia ao coñecemento das fontes de enerxía que existen (renovables e non renovables,) para que o alumnado sexa coñecedor do excesivo consumo enerxético que temos os seres humanos. Cales son as fontes de enerxía que consumimos?, Como son?, De onde saen?, Que provoca na natureza o seu consumo?... son preguntas ás que temos que darlle resposta para continuar no estudo e coñecemento doutras fontes de enerxía máis limpas (as renovables).

A partires deste coñecemento, o alumnado elaborar un documento gráfico (texto, imaxe e son) no que describe cales son estas fontes de enerxía e como estas fontes de enerxía prexudican ou benefician o coidado do medio ambiente.

Pero non debemos quedarnos unicamente nas fontes de enerxía, tamén nos centrarnos nas empresas e maquinaria que usamos a diario e que produce contaminación. Na nosa contorna poderemos atoparnos con moitas realidades das que aprendemos e ser conscientes que outros modelos enerxéticos son necesarios.

Para iso, realizamos distintas actividades (escritos ao concello, ás familias, á dirección do centro e a empresas da contorna, decálogos,...) nas que sexamos quen de mostrar e solicitar melloras no uso e consumo enerxético en lugares moi cercanos ao alumnado mediante carteis, códigos qr, cartas,...

Logo do traballo centrado nas fontes de enerxía centrámonos nos axentes contaminantes. Cales son?, Que provocan na natureza?, Como poderiamos previr estas consecuencias?, E o seu uso?,... estas preguntas axudarannos a concienciarnos dos perigos que estes axentes teñen no medio ambiente. Para o traballo cos axentes contaminantes elaboramos infografías onde aparezan os diferentes axentes e ao igual que fixemos coas fontes de enerxía elaboramos documentais gráficos (texto, imaxe e son) de diferentes decálogos para o colexio e as casas do alumnado cos diferentes axentes contaminantes.  

E cales son as consecuencias dos comportamentos do ser humano en relación co medio ambiente? Debemos estudalas, mostralas aos demais e aportar solucións.

O produto final a esta pregunta terá dous camiños que percorrerá o alumnado de 2º e 3º. O alumnado de 2º centrarase na reciclaxe para a elaboración do produto final e o alumnado de 3º nos diferentes puntos onde se localizan focos de contaminación incontrolados na contorna do colexio.

No produto final da reciclaxe o alumnado mediante xeolocalización sitúa tódolos colectores que hai na nosa contorna, nestes colectores ponse unha pegatina na que mediante dúas apps Layar e QR Droid a xente pode acceder a ProxectoPlaneta Deiro” CEIP Viñagrande-Deiro Curso 2015-16 Planeta Deiro unha chea de información (localización de colectores, vídeos, imaxes, podcast explicativos do que botar en cada colector,...). Este mapa virtual está acompañado dun mapa físico no colexio e no que tamén se sitúan os diferentes colectores.

Polo que fai referencia ao alumnado de 3º, este localiza os diferentes lugares onde se produce algún tipo de contaminación na contorna do colexio. Estes lugares estan sinalizados nun mapa virtual mediante xeolocalizadores acompañados de fotos, vídeos,... onde o alumnado denuncia estes feitos. O traballo complétase coa realización de podcast denunciando estes feitos e cartas denuncias ao Concello de Vilanova de Arousa e a Policía Local informando do acontecido.

Coa realización destes traballos pretendemos que o alumnado sexa o protagonista do cambio nos comportamentos en relación coa natureza nos ambientes nos que vive (colexio, casa, parroquia, concello e outros lugares). Dende o noso punto de vista con este traballo póñense en valor modelos pedagóxicos e propostas didácticas nas nosas aulas e no noso centro que ofrezan a posibilidade real de mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe.

(Utilizamos o traballo colaborativo e a cooperación para que o alumnado sexa protagonista da súa aprendizaxe e que esta estea chea de significatividade e sexa motivadora. O alumnado terá que ser creativo, crítico, autónomo,... no proceso de construción dos seus aprendizaxes.). Para poder contemplar tódolos traballos realizados polo alumnado e que amosan a amplitude de dito traballo deixo este enlace do noso blogue 

Con isto non rematamos a nosa preocupación polo medio ambiente. Coa colocación dun composteiro no colexio pretendemos seguir traballando aspectos relacionados coa reciclaxe e máis concretamente cos residuos orgánicos. Este composteiro é o anticipo a realización dun horto ecolóxico e dos produtos ecolóxicos. Estamos moi interesados na realización deste horto ecolóxico no que todo o alumnado do colexio vai participar.

bottom of page